É moi importante non esquecerse das vacinas
As vacinas son medicamentos que estimulan a produción de defensas fronte ás enfermidades infecciosas máis graves e frecuentes provocadas por virus ou bacterias, contribuíndo a impedir un posible contaxio, e axudan a controlar ou mesmo eliminar as epidemias por estas enfermidades. Cada vez que corresponda, o/a pediatra rexistrará na cartilla de saúde infantil os tipos e doses das vacinas administradas en cada ocasión.
Na última actualización do calendario, que entra en vigor a partir do 1 de xaneiro do 2017, redúcese o número de doses dalgunha das vacinas o que comporta unha diminución no número de picadas.
Os cambios máis relevantes son:
- A eliminación da dose de vacina fronte á hepatite B no momento do nacemento, que ata agora se administraba nos hospitais ou clínicas ao nacer.
- Eliminación da dose de vacina hexavalente que se administraba aos 6 meses, adiantando a dose de reforzo dos 18 meses aos 11 meses de idade, é dicir, administrarase unha dose de vacina fronte á difteria, tétano, tose ferina, poliomielite, Haemophilus influenzae tipo b e hepatite B (vacina hexavalente) aos 2, aos 4 e aos 11 meses de idade.
- Outra modificación importante é que ao cumprir os seis anos de idade (nenos nacidos a partir de xullo do ano 2016) se lles administrará unha dose de vacina difteria-tétano-tose ferina acelular de alta carga (DTPa) e unha dose de polio inactivada (VPI), aínda que esta incorporación non se producirá ata o 1 de xullo de 2022.
Neste momento, continúa a adaptación temporal do calendario que se tivo que facer en maio de 2015, debido ás dificultades de subministración de vacinas por parte dos laboratorios (fundamentalmente vacinas pentavalentes e dTpa), problema que está a ter unha afectación mundial. Por isto segue o aprazamento da dose de recordo con dTpa dos 6 anos, aunque se espera normalizar a situación neste 2017. Dado que o obxectivo desta dose é manter a protección a longo prazo, non se considera que exista un incremento de risco por este atraso; ademais, dende o 21 de decembro de 2015 estáselles administrando a vacina dTpa (difteria, tétanos, tose ferina) ás mulleres embarazadas, co fin de evitar casos de tose ferina en nenos que acaban de nacer, considerados un grupo de maior risco.

Na actualidade, en Galicia adminístranselles a todos os nenos e nenas, gratuitamente, as vacinas contra difteria, tétano, tose ferina, poliomielite, Haemophilus influenzae tipo b e hepatite B, enfermidade pneumocócica, enfermidade meningocócica causada polo meningococo C, o sarampelo, a rubéola, as papeiras, a varicela [en dúas poboacións: a) en nenos/as nados antes do 1 de xaneiro de 2015 que non teñan pasado a enfermidade ou non estivesen vacinados cando cumpran 12 anos de idade; b) en nenos nados a partir do 1 de xaneiro de 2015 segundo vaian cumprindo 15 meses], e a vacina fronte ao virus do papiloma humano (VPH) en rapazas, co fin de protexelos fronte a estas graves enfermidades, segundo o calendario de vacinacións actualmente recomendado.
O/a pediatra poderá variar as doses e o momento de poñelas, segundo situacións particulares.
Cómpre evitar a crenza de estendidas e falsas «contraindicacións» das vacinas, como as seguintes:
• Reaccións a doses anteriores dalgunha vacina, con dor, arroibamento e inflamación no lugar da inxección ou febre pasaxeira inferior aos 40 graos e medio.
• Enfermidade aguda benigna (catarro ou diarrea) sen febre ou con febre moderada.
• Estar con tratamento antibiótico nese momento, ou convalecente dunha leve enfermidade.
• Por ter un nacemento prematuro, alimentarse con lactación materna ou convivir con muller embarazada.
• Por ter unha historia, familiar ou propia, de alerxias ou reaccións desfavorables ás vacinas ou a outros medicamentos. Indicalo sempre e consultar co/a pediatra as posibles alternativas.
• Por ter historia familiar de síndrome de morte súbita do lactante ou convulsións coincidentes coa vacinación fronte á DTP.
• Ter diabetes, intolerancia dixestiva á lactosa, outras enfermidades crónicas do corazón ou dos bronquios, síndrome de Down, etc.
• Que vaia moita calor, ou non ter preparados os nenos, en xaxún, para recibir a vacina.
Ante calquera dúbida, pregúntelle ao seu pediatra. As vacinas son testadas de forma rigorosa e segura; teñen efectos secundarios previsibles e, na inmensa maioría dos casos, leves e autolimitados. Son un instrumento sumamente eficaz para loitar fronte a enfermidades infecto-contaxiosas, estimando que salvan cada ano 3 millóns de vidas en todo o mundo, ao que hai que engadir a prevención das complicacións e secuelas que poden causar as enfermidades que preveñen.