Técnica do aleitamento materno

Técnica do aleitamento materno

Aleitar é algo instintivo para os mamíferos pero nas nais humanas ten, ademais, un compoñente cultural e de aprendizaxe importante.

  1. Poñer o bebé ao peito así que naza
    É importante estimular o contacto pel a pel nestes primeiros intres, ofrecéndolle o peito aínda que o bebé non mostre moito interese por mamar.
  2. Dar de mamar día e noite, cada vez que o bebé o pida e ata que quede satisfeito
    O principal estímulo para producir leite materno é a succión do bebé. Canto máis mama, máis e mellor se baleira. O ideal é que dure ata que o bebé o solte pracidamente.
  3. Colocar toda a mamila o máis dentro posible da boca do bebé
    Facilita a succión e axuda a manter os peitos en bo estado. Comprobar sempre ao comezo da mamada e atraer suavemente o bebé cara ao peito.
  4. Dar de mamar nunha posición e lugar axeitados
    • Colócate nunha postura cómoda apoiando costas e brazos. Se é posible, que che pasen o bebé cando esteas ben.
    • A súa boca e o seu nariz teñen que estar fronte á túa mamila, sen ter que xirar a cabeza, e o corpo en liña recta contra o teu, dándolle apoio polas costas e nádegas.
    • Axusta o teu peito para que toque, pero non prema, o queixo e o nariz do teu bebé e comproba que abre a boca ben amplamente e colle moita mamila.
  5. Gózao!
    Se sentes dor, separa o bebé suavemente e interrompe a succión para non mancar a mamila. Introduce o dedo maimiño na boca do bebé para que solte a mamila suavemente. Inténtao de novo. Nas primeiras semanas, pódese necesitar repetir con frecuencia estes pasos, pero ti e o teu bebé encontraredes o mellor xeito e postura cun pouco de práctica. Se hai algunha dificultade, consulta co persoal sanitario para que observe a técnica empregada e corrixa o que sexa necesario.
    Escoitar e sentir que o bebé traga e non se lle afunden as meixelas son xeitos sinxelos de comprobar que o bebé mama satisfeito. Espíleo algo nos momentos de relaxación que seguen aos períodos de succión vigorosa, falándolle e presionando cun dedo suavemente a súa meixela.
  6. Durante os primeiros seis meses dar só leite materno
    Nin auga nin outros líquidos, o bebé non necesita máis líquido que o que obtén do leite da súa nai. Antes de introducir os alimentos complementarios, consultar co pediatra.
  7. Non ofrecer, sobre todo ao principio, chupete nin biberón
    É importante, porque unha mamadeira non a chupa do mesmo xeito, e pode interferir a aprendizaxe de coller eficazmente a mamila do peito.
  8. Outras recomendacións que hai que ter en conta
    • Mantén unha dieta saudable, equilibrada e rica en calcio e nutrientes (produtos lácteos, peixe e vexetais variados). Non é necesario incrementar as cantidades de comida.
    • Non é necesario lavar o peito logo de cada mamada. Abonda coa ducha diaria.
    • Bebe bastante auga e outros líquidos. Limita a cafeína e o alcohol, xa que poden pasar ao leite e non aumentan a produción de leite, como se cre.
    • Non fumes. Este é un boísimo momento para deixalo.
    • Practicamente, calquera muller é capaz de aleitar o seu fillo exclusivamente co seu leite. As diferenzas de tamaño do peito adoitan deberse á cantidade de graxa que conteñen e non á cantidade da glándula produtora de leite.
    • Non tomar medicamentos sen control médico.
    • Facer exercicio físico diario, e nos primeiros meses, os propios do posparto.
    • Recorda que a lactación non é un método anticonceptivo. Durante a lactación pódense tomar anticonceptivos hormonais —pílula—, aínda que nalgunhas mulleres pode afectar a produción de leite. Consúltao co teu médico.

ATENCIÓN!
Se che doe, o bebé non abre moito a boca ou pon os beizos para dentro, afunde as meixelas ou fai ruídos ao mamar. Este xeito de mamar adoita ser doloroso e pouco eficaz. É mellor soltalo e volver tentar outro agarre, meter un dedo pola comisura da súa boquiña para desfacer a ventosa e non danar o peito.

A nosa prioridade, a túa garantía
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde