Asegurar unha alimentación infantil saudable

Asegurar unha alimentación infantil saudable

Unha axeitada alimentación na primeira infancia inflúe decisivamente no crecemento e desenvolvemento tanto físico como mental, e diminúe enormemente o risco de infeccións.

Pola contra, unha alimentación infantil inadecuada, en calidade ou cantidade, condicionará a aparición de enfermidades por defecto de nutrientes —desnutrición—, ou por exceso deles —obesidade—, que poden repercutir negativamente, tanto na saúde actual como na de adulto.

Os bos ou malos hábitos alimentarios adquírense xa na primeira infancia, e de que os fillos establezan os máis saudables son responsables os pais.

Nestas idades, unha alimentación adecuada, ademais de satisfacer as necesidades dun crecemento acelerado, debe favorecer a adaptación progresiva aos distintos tipos de alimentos, texturas e sabores. Os momentos de comer deben favorecer as relacións cos membros da familia e co contorno para ir practicando e establecendo, progresivamente, hábitos alimentarios saudables.

Aquí podes ver gráficas de peso e tamaño, diferenciadas para nenos e nenas, que permiten valorar a boa marcha dun crecemento corporal adecuado en cada idade.

Estímase que o bebé, aos dez días, recupera o mesmo peso que tiña cando naceu, duplícao aos catro meses e triplícao aos dez meses, engordando a un ritmo de 200 a 250 gramos cada semana durante os tres primeiros meses, e de 150 a 175 gramos do terceiro ao sexto mes.

A nosa prioridade, a túa garantía
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde