Vantaxes da lactación materna

Vantaxes da lactación materna

Todos os organismos internacionais científicos, civís e institucionais, sinalan unanimemente que o leite da muller é o alimento de elección e exclusivo para os lactantes durante os primeiros seis meses de vida, e débese continuar mentres se vai introducindo a alimentación complementaria, polo menos, ata os doce meses.

O leite materno é o mellor alimento que unha nai lle pode ofrecer a un fillo acabado de nacer. Ningún preparado comercial pode reproducir totalmente as súas propiedades e beneficios. É un alimento vivo que cambia ao longo da vida do lactante, e incluso dentro dunha mesma tetada.

Ao aleitar, o estreito contacto físico reforza o vínculo afectivo e benefíciaos emocionalmente a ambos os dous.

  • O leite materno proporciona todas as substancias nutritivas que o bebé necesita en cada momento, sendo a súa composición cambiante para adaptarse ás ditas necesidades. Así, o leite inicial, chamado costro, é moi rico en proteínas esenciais para o crecemento, e ten un efecto laxante que favorece a expulsión do meconio: esas feces de cor verde escura tirando a negras das primeiras deposicións do bebé que acaba de nacer.
  • O leite materno é un alimento sempre dispoñible, á temperatura ideal, libre de contaminación e de moi fácil dixestión para o bebé. Non produce alerxias e contén substancias producidas pola nai que defenden o bebé das infeccións, xa que o seu propio sistema inmunolóxico non está aínda completamente desenvolvido.
  • Ademais, ten outras vantaxes para a nai: a lactación materna acelera o retorno do útero ao seu tamaño normal e reduce a hemorraxia posparto, así como o risco de cancro de mama e de ovario.
  • Por suposto, é máis cómodo e barato que preparar biberóns e, con algo de vontade, perfectamente compatible cunha vida activa.

Por todas estas razóns, recoméndase a alimentación exclusiva ao peito durante os primeiros seis meses da vida, e continuar o aleitamento, xunto coas comidas complementarias adecuadas, ata os dous anos ou máis.