Dificultades solucionables que poden xurdir durante o inicio da lactación

Dificultades solucionables que poden xurdir durante o inicio da lactación

Quen mellor extrae o leite e regula o establecemento da lactación materna é o propio bebé; ofrecerlle de mamar cada pouco e sen límite de duración das tomas, reducirá os problemas de ingurxitacións e posibles mastites.

Dor e gretas
Se existe dor intensa ou se producen lesións como gretas ou feridas, será preciso revisar a forma de agarrar porque é a causa máis frecuente da aparición destes problemas. Tamén convén valorar as mamilas, a boca e a lingua do bebé por se houbese algunha dificultade anatómica que solucionar.

Ingurxitación
Cando o costro pasa a ser leite (dous ou tres días despois do nacemento), pode que os peitos estean inflamados e duros. É a ingurxitación, chamada «subida do leite». Se o bebé segue a mamar de seguido solucionarase en pouco tempo. Se a inchazón dificulta moito que o bebé se prenda será necesario abrandar a zona da aréola que o bebé ten que agarrar coa boca. Para iso basta con apertar a zona cos dedos cara ás costelas durante uns minutos. Se isto non fose suficiente pódese tentar baleirar algo o peito. Para que o leite saia con máis facilidade pódese dar unha masaxe acompañada de calor húmida (ducha, panos mollados-quentes) antes da extracción. Se a inflamación e a dor continúan despois da toma pode aliviar poñer algo frío sobre o peito un anaco entre as tomas. Tamén se podería tomar algún analxésico para a dor e a inflamación.

Obstrucións e mastite
En ocasións pode producirse unha obstrución dos condutos de xeito que o leite queda retido. Aparece entón no peito un vulto doloroso e a zona está encarnada, pode ir acompañada de febrícula. Para solucionar este atranco recoméndase baleirar o peito con frecuencia procurando que o bebé mame de tal maneira que o queixo estea orientado á zona onde se atopa a obstrución. Tamén pode ser de utilidade poñer uns minutos algo frío no peito para aliviar así a inflamación. A mastite é unha infección do tecido subcutáneo que non afecta a glándula; a maioría das veces acontece por sobreinfección de leite retido tras unha obstrución non resolta, aínda que hai mastites que comezan como tales dende o primeiro momento. Os síntomas serían similares aos dun cadro gripal (febre >38º, malestar xeral...). Pero tamén se producen mastites que, como único síntoma, provocan dor durante a toma. O tratamento sería o mesmo que na obstrución ademais do tratamento médico pertinente.

En ningún destes casos convén interromper a lactación porque é contraproducente e agravará as molestias.

A nosa prioridade, a túa garantía
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde