Os xoguetes desempeñan un importante papel na vida infantil, xa que por medio dos xogos o neno divírtese e coñece o mundo que o rodea. Enseguida xogará co seu propio corpo, e máis adiante, con obxectos rechamantes e que produzan sons suaves.
Para cumprir o seu cometido e non resultar perigosos, os xoguetes deben ser:
- Adecuados a cada idade.
- En xeral, sinxelos, sen mecanismos complicados que requiran a presenza dos adultos para xogar, ou que poidan ser desmontados en pequenas pezas que poidan tragar.
- Dun tamaño adecuado: os moi grandes sonlles de difícil manexo, e os moi pequenos poden ser perigosos pola gran tendencia infantil a introducilos na boca ou no nariz.
- Mellor, de materiais lavables, non tóxicos, irrompibles e sen arestas ou puntas agudas nas cales se poidan magoar.
- Evitar que xoguen con calquera obxecto do fogar que non é un xoguete.
- Un excesivo número de xoguetes impediralles gozar con eles. Compartilos con outros nenos, axudaraos a socializarse.
Coidar as condicións en que a familia, e por suposto os máis pequenos, ve a televisión.
- Sen reflexos na pantalla e a unha distancia mínima de 2,5 metros para evitar problemas oculares.
- Nos máis pequenos, ver programas violentos ou moi ruidosos no momento de se deitar, provocará pesadelos e inquietude nocturna que reducirán as posibilidades dun bo descanso nocturno en tempo e calidade, tan importante para o seu crecemento saudable.
- Moitas horas de televisión producirán fatiga e tensión nerviosa, e impedirán a práctica doutros xogos e a permanencia ao aire libre, moito máis importantes para a saúde a estas idades.